Monday 29 de April de 2024

O Outono Gastronómico desenvolverase entre o 13 de setembro e o 15 de decembro en 24 casas de turismo rural da Coruña


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou na Dársena da capital provincial o autobús itinerante que promociona a edición deste ano

Un total de 86 establecementos en toda Galicia, 24 deles na provincia da Coruña, participan nunha nova edición do programa Outono Gastronómico en Turismo Rural, que pon en marcha a Consellería de Cultura e Turismo. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, achegouse ata a Dársena da capital provincial na que se instalou o autobús itinerante que promociona a edición 2019 deste programa, que se desenvolverá entre o entre o 13 de setembro e o 15 de decembro.

Ademais de aloxamento, os establecementos que participarán nesta actividade ofrecerán diferentes menús especiais para este programa, elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades complementarias á estancia como paseos a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas ao Pórtico da Gloria, ou iniciación ao surf, grazas á nova oferta Outono Plus.

Entre as diferentes modalidades que ofertarán para gozar desta actividade en parella, en familia ou con amigos figura o Menú Outono Gastronómico –sen pasar a noite–, o Paquete Outono Gastronómico para unha noite, o Fin de Semana Outono Gastronómico para dúas noites ou Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos, con prezos que varían entre os 30 e os 300 euros.

O delegado territorial destacou que “esta iniciativa promove a desestacionalización da demanda, que é un dos principais obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento da Xunta de Galicia no que se recollen os compromisos, oportunidades e retos para o sector”.

Ovidio Rodeiro recordou que desde a súa posta en marcha no Outono Gastronómico participaron máis de 64.000 persoas e os establecementos adheridos facturaron preto de 4 millóns de euros. Ademais, os negocios participantes cualificaron cun 4,7 sobre 5 a súa experiencia neste evento e nove de cada dez amosáronse partidarios de repetir a experiencia.